Pazo de Souto

PAZO DE SOUTO

Localización

Concello: Salvaterra de Miño
Parroquia: Arantei (San Pedro)
Lugar: O Montiño
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII)
Coordenadas: 42º 04' 51.9" N - 8º 32' 11.9" W
O pazo do Souto atópase no barrio de Praza. As leiras que pertencían a este pazo abarcaron no seu día unha extensión non inferior ás 400 hectáreas, polo que comprendían unha boa parte da actual parroquia de Arantei.

Os Barros son unha antiga liñaxe que arraigou nas provincias de Ourense e Pontevedra, onde tiveron importantes casas como esta. Os Barros da zona de Ponteareas e Salvaterra de Miño procederían de Braga, segundo corroboran as armas mostradas no escudo da casa, e aparecen unidos aquí aos Troncoso de Lira, prolífica liñaxe de ampla presenza na provincia. Entraron na familia tamén apelidos navarros, como Quiquieri e Arquiaga, o que deu lugar a unha afiliación carlista que provocou que durante as denominadas guerras carlistas estivera a casa abandonada.

O pazo, que se supón do século XVI, é un sobrio edificio rectangular de dúas plantas de fábrica mixta, de cachotaría e mamposteía, con muro de peche que se interrompe na fachada e que bordea a estrada desde a que se accede á leira. As troneiras da planta inferior fan pensar que en tempos puido ser unha construción defensiva.

O escudo, magnificamente labrado, atopámolo entre as dúas xanelas da planta alta da casa, e mostra as armas dos Barros, Troncoso de Lira e Sotomayor.

Actualmente está en mans de tres familias, e atópase nun bo estado de conservación.
Volver
Share by: