Salvaterra de Miño, capital da comarca do Condado do Tea, polo seu vínculo cos ríos Miño e Tea, conta cunha gran variedade de recursos piscícolas como as troitas, o sáibao, o salmón, as angulas, as anguías ou o reo.
Con todo, a lamprea coróase como a “vampiresa da auga” ou “a raíña do río”, coñecida, tamén así, popularmente. A lamprea é un dos primeiros vertebrados dos que hai constancia na terra e habita nos ríos galegos desde fai máis de cincocentos millóns de anos.
Actualmente, son tres os ríos galegos nos que podemos atopar este ciclóstomo: o río Tambre, o río Ulla e o río Miño.
Este exquisito manxar, converte a Salvaterra de Miño, e por extensión a toda a comarca Condado do Tea, en lugar de visita obrigada para os amantes da boa mesa. A forma máis típica e tradicional de cociñala é “á bordelesa”, neste caso a lamprea se guisa no seu propio sangue e acompáñase con arroz branco.
Con todo, tamén admite outras modalidades culinarias como a lamprea asada á brasa, guisada con fideos e tirabequees ou rechea. Ademais, tamén é moi común atopar nesta zona a “empanada de lamprea” ou degustar a “ lamprea con ensalada rusa”.
O Roteiro da Lamprea en Galicia brinda a oportunidade de coñecer esta especie tan singular. Así mesmo, no municipio veciño de Arbo celébrase no mes de agosto a Festa da Lamprea Seca, e no mes de abril, a Festa da Lamprea, declarada Festa de Interese Turístico Nacional.
Ademais, os cinco ríos que atravesan o municipio de Salvaterra, entre os que destacan o río Miño e o río Tea, dan ao territorio, e por conseguinte aos seus viños, unha identidade propia ao achegar aos seus chans unha gran riqueza de minerais e de compoñentes aromáticos e sápidos.
Non en balde, das terras deste municipio obtéñense os perfectamente identificables viños brancos e tintos do Condado, o afamado albariño ou os deliciosos viños espumosos, viños todos eles amparados baixo a Denominación de Orixe Rías Baixas.
Os viños son, nesta subzona da Denominación de Orixe Rías Baixas, un factor motivacional de visita turística e un bo puntal dentro da economía do municipio. O peso do viño na economía familiar, a calidade dos seus caldos e a gran extensión de viñedos, converten a Salvaterra de Miño na “Capital do Viño” da comarca do Condado do Tea.
Por último, neste percorrido gastronómico pola comarca non nos podemos esquecer das deliciosas carnes de cordeiro ou vacún da zona preparadas de formas moi variadas, así como das filloas recheas de crema, nata, mel, ou do teto con marmelo como opción de sobremesa caseiro. Sobremesas, por suposto, sempre acompañadas dos exquisitos licores da comarca: augardente branca, de herbas ou licor café.