O municipio de Salvaterra está marcado polo seu carácter transfronteirizo, e ligado a un río, o Miño, que dota a ambas as vilas, Monção e Salvaterra de Miño, dunha idiosincrasia propia.
Ao longo da súa dilatada historia, os habitantes, a ambas as marxes do río, estableceron unha serie de relacións comerciais e persoais, que fixeron deste territorio un espazo único, susceptible de ser aproveitado económica e turisticamente.
Como resultado destas fluídas e inevitables interaccións sociais créase a Ponte Internacional sobre o río Miño que, desde o 29 de marzo de 1995, une fisicamente as localidades de Monção e Salvaterra de Miño. Desde entón, a construción desta ponte supuxo o fortalecemento das relacións sociais e favoreceu o intercambio económico entre ambos os municipios.
Ademais, a creación desta ponte foi o xerme de novas iniciativas e proxectos comunitarios transfronteirizos como é o caso da “ Eurocidade Monção-Salvaterra de Miño”, un acordo entre os dous municipios e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal ( GNP-AECT) que se asinou o día 13 de decembro do ano 2015, no Cinema Teatro João Verde.
Neste acordo, abórdanse áreas crave de interese común, especialmente na promoción conxunta do río Miño, da enoloxía e a gastronomía local, así como a promoción e desenvolvemento do turismo a través da difusión do patrimonio natural e cultural, e a recuperación e creación de roteiros turísticos e carreiros.
Así mesmo, o edificio que un día albergou a Antiga Aduana, situado en Monção, é sede da Eurocidade desde o 2017. Un espazo de traballo desde o cal se promove a posición conxunta dos municipios na súa vertente social, turística, cultural e deportiva, e defínense novas liñas de traballo que garantan a rendibilidade económica e a sustentabilidade turística no tempo de ambas as vilas.