O Castelo de Dona Urraca é o testemuño feito en pedra do pasado medieval da vila, sendo un dos edificios históricos que menos alteracións construtivas sufriu co devir dos anos, conservando, por tanto, gran poder de atracción.
A finais do século XI, este castelo deu acubillo a personaxes tan ilustres como a Raíña leonesa Dona Urraca, que pasaría longas estadías neste enclave privilexiado durante as súas disputas coa súa irmá Teresa polo dominio do Condado Portucalense, orixe do futuro reino de Portugal.
Durante o período de ocupación portuguesa (1643-1659) o castelo sufriu numerosas remodelacións, baixo a dirección de obra do enxeñeiro francés Charles Lessar, co fin de readaptar as estancias xa existentes e poder, así, ter un gran almacén de armas para as tropas.
Esta construción en forma de “ L” componse de dúas plantas e unha terraza superior. Ambas as plantas son parellas visualmente e as súas estancias están construídas en cachotería de granito, abríndose ao exterior grazas a amplas ventás situadas nas antigas troneiras.
Un detalle arquitectónico singular son os teitos, construídos cunha serie de bóvedas de aresta realizadas a base de tiras de ladrillo macizo e levantadas sobre arcos de medio punto en pedra.
No interior, é posible contemplar unha curiosa escaleira de caracol de dobre rampla e un só eixo, exemplar único en toda a península e que comunica as dúas estancias abovedadas coa terraza. Este sistema construtivo evita que as persoas que por elas suban ou baixen, se crucen.
Así mesmo, na planta inferior pódese visitar o “ Vestiario de Dona Urraca”, unha antiga torre medieval totalmente circular e cuxa cúpula de media laranxa dota a esta sala dunha sonoridade especial.
Outra das singularidades arquitectónicas do edificio é o pozo que se atopa dentro do castelo e que segundo conta a lenda era a entrada a un antigo pasadizo secreto que cruzaba cara a Portugal por baixo do Miño. Testemuña muda de amores, paixóns e traizóns entre namorados das dúas beiras do río.
Hoxe en día, este castelo é a sede do Museo do Viño do Condado do Tea D.O. un espazo interactivo onde aprender e gozar da cultura do viño.