Situada na parroquia de Alxén, a coñecida como casa de Bugallal por ser propiedade desta familia en épocas precedentes, é a que, de maneira máis apropiada, vén chamarse "Quinta do Piñeiro", denominación que precisa o seu anterior carácter de leira de recreo situada no rural.
O edificio está formado por dous corpos de plantas cuadrangulares desiguais, tanto en superficie como en altura, e con cubertas a catro augas. Cabe destacar a balconada que, a modo de solaina, presenta unha columnata que denota certa inspiración clásica.
O acceso iníciase a partir dun portalón monumental, do que se conserva o lenzo central, no que se abre unha porta de arco de medio punto desde a que un paseo condúcenos ao pé da casa, onde se pode ver un pequeno xardín cunha fonte de pedra de cunca rectangular que leva esculpidos na fronte uns rechamantes mascarones, formando un conxunto que, pola traza, parece do século XVIII. Dise que procede do pazo da Picoña, en Salceda de Caselas.
A poucos metros da casa atópase unha capela que data de 1919, e que veu substituír á outra construción anterior. Fronte a ela elévase un frondoso magnolio cun tronco dun diámetro superior aos tres metros, e no xardín atópase un típico cruceiro.
No suave desnivel ata a estrada que bordea a propiedade, o terreo, dunhas cinco hectáreas, está repleto de cepas dunha uva albariña que datan dos ano 70 e que producen o viño da adega Lusco do Miño da que este pazo é sede.
O estado de conservación exterior do pazo é moi bo, mentres que o acondicionamento interior está a levarse a cabo por fases. A planta baixa está destinada a adega.
A fachada da casa está presidida por dous pequenos escudos. O primeiro presenta as armas de Pereira de Castro, acompañadas dun jaquelado posiblemente dos Ocampo e o que parece ser unha cabeza de lobo e que correspondería aos Moscoso. O segundo escudo mostra os brasóns dos Oya, Ulloa e Ozores. Confírmase así a relación que gardou este pazo coa coñecida como "casa do escudo", situada no lugar de Sequeiros, na parroquia de San Salvador de Cristiñade, en Ponteareas.