Pazo Torre de Petán

PAZO TORRE DE PETÁN

Localización

Concello: Salvaterra de Miño
Parroquia: Corzáns (San Miguel)
Lugar: Petán
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII)
Coordenadas: 42º 06' 38.9" N - 8º 28' 11.9" W
No lintel da porta de acceso ao patio pode lerse a inscrición "ANO DE 1759", que non ha de significar necesariamente a data de construción da casa, xa que se teñen referencias documentais que citan aos Avalle como veciños desta parroquia de Corzáns no século XVI. 

Levantaron esta Casa-Torre os mesmos Sarmiento que señorearon o Sobroso e o Val das Achas. Preto de Petán atópase a Capela de "Nosa Señora do Carme", que garda nos seus interior enterramentos dos señores de Petán con inscricións e armas dos Sarmiento e Pereira de Castro (alusivas a Diego e Julián Pereira de Castro e Avalle, do ano 1752, e orladas de bandeiras, picas e outras insignias militares).

Dous son as compoñentes arquitectónicas a destacar de Cásaa-Torre de Petán:

  1. O amplo panel do que forma parte o portalón, de boa cachotaría e finalizado por unha cornixa moldurada con pináculos piramidales de bóla. Sobre o portalón está un escudo coidadosamente traballado e coroado por unha cruz de pedra entre pináculos. Polo exterior do muro transcorría o camiño de Petán, que segundo di a xente era o camiño que ía a Madrid.
  
  2. O outro compoñente é a mesma torre, que se alza nun dos extremos do edificio. Ten planta cadrada, con gárgolas angulares de desaugadoiro en forma de canóns e ameas entre os que se intercalan remates piramidais similares ao do Portalón. Interiormente, un gran arco dobre sostén a planta superior, á que se accede desde un patio cercado por unha escaleira de pedra recostada sobre o muro da torre.

O escudo do portalón representa os distintivos heráldicos dos Sarmiento, Ozores, Sotomayor (quizais Valladares) e, posiblemente, Mariño. Sobre o escudo atópase unha gran coroa condal bolada na que se repiten os trece discos de ouro dos Sarmiento, mentres uns lambrequíns decoran todo o seu contorno.

O estado de conservación do edificio é desigual por estar repartido entre tres familias. A parte esquerda, inmediata á torre está a ser restaurada.
Volver
Share by: