Pazo Casa da Inquisión

PORTAL DA INQUISICIÓN

Localización

Concello: Salvaterra de Miño
Parroquia: Corzáns (San Miguel)
Lugar: A Inquisición
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII)
Coordenadas: 42º 07' 00.9" N - 8º 27' 42.0" W
A Inquisición española foi unha institución fundada en 1478 polos Reis Católicos para manter a ortodoxia católica nos seus reinos, pero a pouco de iniciar a súa andaina xa tiña no seu haber multitude de delitos froitos dunha hiperheterodoxia relixiosa.

O Portalón da Inquisición é o único resto que queda do pazo do que foi o seu fundador Bartolomeu Barbeito e Padrón, primeiro inquisidor do Tribunal Censor do Galicia en 1677, cargo que exercería durante once anos gobernando como autoridade máxima coa compracencia do Inquisidor Xeral.

O topónimo que identifica o lugar ten a súa orixe na casa que Bartolomeu Barbeito e Padrón, colexial de San Clemente e inquisidor apostólico nacido en Corzáns, fundou, nun momento no que a represión exercida polo Santo Oficio en Galicia xa remitira, tras o período de feroz persecución, ás comunidades xudías máis representativas, como eran as de Ribadavia, Ourense, Pontevedra e Tui, entre outras. Tras exercer en Santiago, -onde foi catedrático na Universidade-, Murcia, Valladolid e Madrid, decidiu construír casa-Escola para clérigos da súa familia, moi preto do lugar onde os seus pais fundaran o morgado do Piñeiro.

Do edificio orixinal son escasos os restos que chegaron aos nosos días, xa que a construción actual é produto das sucesivas reformas efectuadas. O monumental Portalón mantense en pé no seu maior parte, e constitúe unha das mellores mostras entre as do seu xénero que se coñecen, tanto pola calidade da fábrica, de excelente cachotería, como polas súas proporcións.

O portalón consta de dous corpos divididos horizontalmente por unha imposta moldurada: na inferior ábrese a porta de arco de medio punto formado por doelas, mentres o superior, finalizado por cornixa tamén moldurada, resulta espectacular, pois o brasonan tres escudos entre os que se le a inscrición seguinte:

"MANDOLA FABRICAR ÉL Sr. D. BARTOLOMÉ BARBEITO Y PADRON/ NATURAL DE ESTA FELIGRESÍA/ INQUISIDOR APOSTÓLICO Y ME Las ANTIGUO DE ESTE REINO DE GALICIA/ CORDERO DE 1668/ PARA CLERIGOS DE SU FAMILIA Y VECINOS DE ESTA FELIGRESÍA A FALTA DE AQUELLOS"

Do muro de peche que delimitaba a propiedade consérvanse os restos que superaron as agresións ás que se viu sometido ao longo dos anos, como ocorre co Portalón. Os escudos ocupan a parte central do Portalón, onde este toma maior altura. O da esquerda, hoxe derrubado, está fóra do conxunto e referíase á ascendencia paterna do fundador, é dicir, Mariño, Valladares, Padrón e Barbeito; o da dereita, partido e medio cortado, representa a filiación materna: Suárez, Ozores e Puga. O situado no centro, en plano máis elevado, indica a condición de inquisidor de Bartolomeu, cuxa dignidade eclesiástica vén confirmarse no timbre de cada un dos escudos: capelo do que colgan, a ambos os dous lados, os dous cordóns con seis borlas cada un, propios dos bispos. No espazo limitado por estas representacións heráldicas é onde está esculpida a inscrición.
Volver
Share by: