Salvaterra de Miño é unha das localidades españolas con maior índice de espazo verde por habitante, tendo como recurso natural sobresaliente o Parque da Canuda.
Este parque, situado xusto a beiras do río Miño, está considerado como o máis grande de toda Galicia, contando cunha extensión aproximada de 200.000 m², e está aberto ao público todos os días do ano.
Deste recurso natural e fonte de lecer, non só cabe destacar a ampla variedade de árbores, plantas, animais de granxa ou aves que nos podemos atopar, senón tamén o inesgotable número de instalacións lúdicas e deportivas, entre as que destacan: o circuíto viario infantil (con sinais e semáforos); o gran parque infantil; a Zona asignada para xogos tradicionais (mesas de ping-pong, xadrez, parchís ou mariquitilla); a Zona de rehabilitación e ximnasia para maiores de 16 anos; as Fontes ornamentais; o Estanque para patos; o gran Lago; o Anfiteatro ao aire libre; a Exposición de apeiros de labranza; a Huerta con plantas medicinais, plantas froiteiras ou roseiras; o Xardín botánico de Orquídeas (con máis 150 especies); a aula da natureza e instalacións multiusos; as Piscinas municipais (abertas no verán) ou as Pistas de tenis, fútbol, baloncesto e skate.
Tamén conta con dúas zonas de picnic, un na entrada principal e outro na segunda entrada xunto ao gran parque infantil.
Así mesmo, entre os servizos ofertados sinalamos os seguintes: Aseos públicos (inclúen baños para minusválidos); Fuentes de auga potable; Merendero ao aire libre (con mesas e bancos de pedra); Prensa diaria; Bancos de madeira para o descanso distribuídos ao longo do parque; Fío musical ambiental e Servizo de aluguer de bicicletas gratuíto (consultar dispoñibilidade).
Ademais, o parque da Canuda é punto de inicio de varios roteiros de sendeirismo que discorren, paralelamente, a beiras dos ríos Miño e Tea. Estes carreiros fluviais son practicables ao longo de todo o ano, tanto a pé como en bicicleta.
En definitiva, o Parque público da Canuda é un lugar perfecto para a desconexión diaria e a contemplación da natureza. Un lugar, ademais, onde divertirse, xogar ou practicar deporte tamén teñen cabida. Un lugar para vivir, para sentir, pero, sobre todo, para contar.