Historia

Historia de Salvaterra de Miño 


O 24 de maio do ano 991 aparece o primeiro documento onde se fai referencia ao municipio de Salvaterra de Miño. O monarca de Galicia, Bermudo II, entrega o coto de numerosas terras á Igrexa de Santiago de Compostela, entre as que figura “ Lacedurium”, primeiro termo co que se coñece a vila.

Nos séculos XI e XII delimítase a fronteira co novo reino de Galicia, sucedéndose décadas de intensas loitas con Salvaterra como lugar de gran valor estratéxico, debido á súa posición fronteiriza.

O suceso que une a raíña Urraca, co municipio de Salvaterra de Miño será o conflito que se orixina en 1120 coa súa medio irmán Teresa. A proclamación da independencia do condado portucalense e o seu interese polo dominio das localidades fronteirizas do Baixo Miño provocan toda unha serie de loitas entre ambas as vilas ribeiregas. Durante a contenda, a raíña leonesa utiliza como refuxio diversos lugares, como o Castelo de Dona Urraca, en Salvaterra. 

Co paso do tempo, a tradición popular creou unha serie de lendas ao redor da figura de dona Urraca, como aquela que conta que o pozo, situado na planta baixa do actual “Castelo de dona Urraca”, comunicaba cun túnel o cal, por baixo do río, chegaba ata Portugal. Esta lenda afirmaba que a reina Urraca, conseguía, desta maneira, desprazarse de lado a lado sen ser percibida nin polas tropas inimigas nin polas súas, logrando así reunirse con quen desexase.

A finais do século XII, o rei Fernando II canso das incursións lusas ao longo do Baixo Miño, promove a creación de sistemas defensivos por toda a zona. Desta maneira, comeza a fortificación de núcleos poboacionais estratéxicos e fíxase unha fronteira política entre ambas as nacións, marcada polo río Miño. Desde entón, a vila pasa a denominarse “Salvaterra”, facendo alusión á súa nova condición defensiva.

O punto de partida da Idade Moderna na vila represéntao a revolta Irmandiña. O continuo aumento das diferenzas sociais que se desenvolve ao longo da Idade Media eclosiona. Os campesiños e burgueses comerciais dos centros urbanos agrúpanse en irmandades durante os tres anos que dura a contenda contra os nobres, de 1467 a 1469. Pero un nobre destacará sobre o resto, Pedro Álvarez de Sotomayor, máis coñecido como Pedro Madruga. Dirixiría o contraataque contra o grupo irmandiño, axudándolle a conseguir a vitoria contra os “ irmandiños” e chegando a dominar a maior parte das terras do sur de Galicia, grazas ás súas accións e enfrontamentos bélicos.

Unha vez eliminada a ameaza irmandiña, dá inicio a loita da nobreza galega contra o arcebispo de Santiago, en paralelo ás disputas pola sucesión do reino de Castela, que enfrontaría ao bando dos Reis Católicos, por unha banda, e ao bando de Juana La Beltraneja, polo outro. Pedro Madruga tomaría parte do segundo bando, caendo derrotado despois de anos de intensas loitas por toda España.

Desde o ano 1580 o territorio portugués permanecerá baixo as directrices da coroa española, con frontes abertas, constantemente, por toda Europa. O imperio español empeza a descompoñerse, algo que será aproveitado por territorios como Portugal, que declara a súa independencia en 1640 e proclama rei, a João IV de Portugal.

Como xa sucedeu séculos atrás, a barreira natural que forma o río Miño é un punto estratéxico destacado, construíndose, a ambos os dous lados do río Miño, pequenos postos defensivos, fortalezas e iniciándose o cercado de diferentes poboacións. Desta maneira, e a partir deste intre, confórmanse os diferentes sistemas de fortalezas transfronteirizas por toda a rexión do Baixo Miño, unhas dependentes doutras e cun claro obxectivo que era impedir a invasión do inimigo.

A inicios do ano 1643, o Conde de Castel- Melhor toma a vila e denomínaa “Salvaterra de Portugal”, dando comezo ao que vai ser o período máis longo de ocupación portuguesa. 

É nese momento cando se realiza unha reconstrución e unha modernización da muralla, onde o elemento máis destacado é a construción dun sistema de baluartes, cuxo propósito é a eliminación dos puntos cegos da muralla. Os materiais obtéñense de edificios derruídos ou zonas próximas, como é o caso do convento de San Francisco, construído a principios do século XVIII.

Tras varios intentos de recuperación do territorio, as tropas españolas cambian de estratexia realizando unha serie de construcións defensivas ao redor da vila, como a fortificación de Fillaboa, a fortaleza de Santiago de Aytona ou a Atalaia de Porto, afogando o posible avance das tropas inimigas.

No ano 1659, tras a inesperada morte do xeneral Castel- Melhor e a considerable perda de subministracións, a praza de Salvaterra é reconquistada polas tropas españolas dirixidas polo Marqués de Viana, Rodrigo Pimentel.

O conflito conclúe co tratado de paz de 1668, devolvendo as prazas ocupadas aos seus antigos donos. Á súa vez, desmantélanse todos os sistemas defensivos construídos polos españois ao redor de Salvaterra, por temor a que puidesen ser utilizados con posterioridade polos portugueses.


Volver
Share by: