PESQUEIRAS DO RÍO MIÑO
Como verdadeiros colosos de pedra ancorados nas marxes do pai Miño levántanse as “ pesqueiras”, construcións realizadas para a captura da raíña dos nosos ríos, a lamprea.
O Miño foi, desde sempre, unha das grandes fontes de recursos para as poboacións ribeiregas. Troitas, salmóns ou lampreas capturábanse desde as pesqueiras en “nasas” e “ vituróns”, como medio de sustento e complemento da economía familiar.
Pero, sen dúbida, o ben máis prezado que nos ofreceu, e aínda segue ofrecendo, o río Miño é a lamprea. Dabondo é coñecida a súa importancia desde a antigüidade na mesa dos emperadores romanos, facéndoas chegar vivas desde Galicia ata Italia.
Con todo, non será ata a Idade Media cando se teña documentación fidedigna deste tipo de edificacións, momento no cal se recolle a titularidade das pesqueiras e o pago de rendas e impostos en forma de lampreas a mosteiros como os de Melón e A Franqueira, así como a certas casas feudais da zona.
Na actualidade, tres son as pesqueiras rehabilitadas no municipio de Salvaterra de Miño, as cales parten desde a desembocadura do río Tea, seguindo o paseo fluvial desde a fortaleza de Salvaterra, río arriba e ata a fronteira co municipio das Neves. As tres pesqueiras son as de Maximina, a da Bucheira e a de Mon, construcións pétreas que foron rehabilitadas no ano 2015.
A maior parte das pesqueiras teñen nome propio e a súa explotación pasa de pais a fillos por herdanza familiar.
Con máis de 20 metros de lonxitude cada unha e entre os 3 e 5 metros de altura, os “ poios” ou muros parecen grandes murallas que se asentan no leito do río. Entre as pedras dos “ poios” amarrábanse os “ vituróns”, grandes redes cónicas, onde as capturas entraban, pero non eran capaces de volver saír.
ESTACADAS DO RÍO TEA
Sobre o río Tea, afluente do río Miño, érguense as estacadas, que son enxeñosas construcións realizadas en madeira e ferro, froito dun saber ancestral transmitido durante xeracións.
Semellantes a grandes naves envorcadas nas marxes do río son un método único para a captura da lamprea, moi distinto aos métodos empregados noutros ríos do noso territorio como o Miño ou o Ulla. Aquí, no Tea, as capturas non se realizan mediante nasas nin vituróns senón valéndose de “ fisgas”, que son varas de madeira de gran lonxitude rematadas nun peite de ferro que consta dun determinado número de púas en forma de anzol e que serven para capturar as lampreas cravándoas a modo de lanza.
Os preto de 50 postos existentes no Tea concédense mediante sorteo e a pesca só se permite entre os meses de febreiro e abril. De noite, baixo a luz das lámpadas eléctricas, as persoas ás cales se lle asigne o uso das estacadas, pescan por quendas de días pares e impares, axexando ás lampreas que se moven polos fondos areosos mentres remontan o río para desovar.